Leituga

Cultivamos actualmente leituga lisa (verde e roxa, tipo Trocadero) e leituga rizada (tipo Batavia). A Batavia é unha leituga semicrocante e moi tenra, lixeiramente arrepolada en función das variedades usadas en cada época do ano. A Trocadero é unha leituga de follas lisas e redondeadas, moi suaves e manteigosas, e máis delicada e menos duradeira que a Batavia.

Calquera deste tipos de leituga destaca por ser un dos alimentos máis hipocalóricos que podemos incluír na nosa dieta; unha ración de 100 gr desta leituga achega menos do 1% da enerxía da Cantidade Diaria Recomendada a inxerir por un adulto. As achegas de graxas e hidratos de carbono tamén son pouco significativas e pola contra si que son importantes en fibra, vitaminas e minerais.

Dispoñemos de produción de leituga ao longo de todo o ano. O calibre mínimo que ofrecemos é de 250 gr por peza.

Máxima frescura. A produción de leituga concentrámola nas fincas máis próximas ás nosas instalacións de manipulación e envasado para ter unha rápida resposta á demanda dos nosos clientes e poder poñer o produto no lineal de punto de venta en menos de 30 horas dende o intre do corte.

Época de produción: todo o ano.
Presentación: Granel: caixas de pool de 6, 8, 10 ou 12 unidades e tamén caixas desbotables de 12 unidades.
Manipulado: envasado individual en flow-pack.